luns, 3 de febreiro de 2014

O soldadiño de chumbo de Jörg Müller, ilustrado para a paz

wloge_producto_principal_0274full-TTA6AnnPgmvjegnGCon certo atraso sobre as datas sinaladas, na nosa biblioteca decidimos conmemorar o Día da Ilustración e o Día da Paz e da non Violencia, coa versión ilustrada do conto clásico de Andersen: El soldadito de plomo, realizada polo debuxante suízo Jörg Müller, e publicado en España pola editorial Lóguez.
O libro de Müller recolle en 38 ilustracións (a metade a toda páxina) sen máis texto cos rótulos das propias imaxes unha historia que suxire outras moitas, e que nos invitan a reflexionar sobre diferentes aspectos da realidade contemporánea. Son tantos os detalles evocadores que atopamos en cada páxina con cada nova lectura, que as posibilidades que ofrece para a análise didáctica son múltiples.
Desde a propia composición das imaxes (contra picado, gran angular e perspectiva cónica) ata a propia interpretación dos protagonistas: un soldado inofensivo, mutilado pola súa propia soidade, e unha bailarina afastada do xoguete edulcorado, unha barbie que vai perdendo a súa prestancia na viaxe á que se ve arrastrada xunto ao soldadiño. Compañeiros? de infortunio máis que dous seres namorados ata a morte.
Irrelevantes xa para a sociedade consumista occidental, guindados ao lixo e ás cloacas noxentas (a outra cara da opulencia) chegan, como no conto orixinal na barriga dun peixe, ata África. Alí a miseria non se agocha, formando un gran vertedoiro de lixo, onde, paradoxalmente, o soldadiño e a bailarina son máis valorados. Rescatados por un muller que agasalla con eles ao seu fillo, que os recibe coma un gran tesouro.
O enorme sorriso do neno ante o xoguete que seu pai constrúe cos refugallos occidentais élle arrebatado por un turista occidental (insensible ante a pobreza que fotografía como algo exótico, ao igual que o xoguete) por un miserento dólar. Así, a infortunada parella remata esquecida de novo, nun museo etnográfico baleiro, de calquera cidade occidental, que a ninguén interesa.

image(1)No corredor da Biblioteca están expostas as imaxes do libro de Müller en gran formato, ademais do conto clásico de Andersen coas típicas imaxes de conto infantil que o teñen ilustrado. O obxectivo é que o profesorado as traballe co alumnado nas titoría e noutras materias, para o que tamén dispón das imaxes en formato dixital que pode proxectar nas aulas. As posibilidades son moitas: a beleza e perfección plástica, a expresividade da composición, a lectura e análise do contido das ilustracións, a comparación coa versión clásica…
-          Tamén colocamos no expositor unha selección de documentos da Biblioteca (libros, banda deseñada, películas…) que poden ser útiles para profundar sobre a estupidez da guerra e da violencia en xeral.
Suxestión de actividades:
-          Redactar a historia que nos contan as imaxes (en primeira ou terceira persoa).
-          Darlle voz aos personaxes, creando unha banda deseñada na que os personaxes dialoguen entre si.
-          Seleccionar a música apropiada para ambientar as distintas escenas da historia.
-          Comparación entre a cidade occidental e o poboado africano.
-          Imaxinar a relación entre o soldado e a boneca.
-          Descrición das ilustracións, facendo fincapé nos detalles seleccionados polo profesorado (lixo na cidade, cambios na casa da nena, consumismo, civismo, sumidoiros cara o mar, soidade, refugallos da pesca, vertedoiro, poboado africano, neno africano, reciclaxe dos xoguetes, turismo rico en países pobres, hotel Paradiso, Museo etnolóxico, etc.).
Máis información:
http://educacionysolidaridad.blogspot.com.es/2012/02/version-ilustrada-por-jorg-muller-de-el.html
http://bibliotecadeloselefantes.blogspot.com.es/2009/10/el-soldadito-de-plomo.html

Ningún comentario:

Publicar un comentario