O noso proxecto sobre 'África diversa' mereceu a atención do CEFORE da Coruña, que nos invitou a impartir unha charla sobre o mesmo dentro dun Proxecto de Formación en Centros, para o profesorado do IES Salvador de Madariaga. A sesión celebrouse o día 9 de abril, e nela usamos as dúas presentacións de abaixo. A primeira, un resume do realizado ao longo do curso 2013-14, e a segunda unha selección de materiais, de recursos didácticos, para achegar distintos aspectos da realidade africana ás aulas.
Amosando publicacións coa etiqueta recursos b>. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta recursos b>. Amosar todas as publicacións
xoves, 30 de abril de 2015
domingo, 8 de xuño de 2014
Os recursos naturais de África
Catro carteis elaborados na materia de Tecnoloxía de 2º da ESO sobre os recursos naturais de África cun enfoque crítico. Excelente traballo.
luns, 3 de febreiro de 2014
O soldadiño de chumbo de Jörg Müller, ilustrado para a paz
Con certo atraso sobre as datas sinaladas, na nosa biblioteca decidimos conmemorar o Día da Ilustración e o Día da Paz e da non Violencia, coa versión ilustrada do conto clásico de Andersen: El soldadito de plomo, realizada polo debuxante suízo Jörg Müller, e publicado en España pola editorial Lóguez.
O libro de Müller recolle en 38 ilustracións (a metade a toda páxina) sen máis texto cos rótulos das propias imaxes unha historia que suxire outras moitas, e que nos invitan a reflexionar sobre diferentes aspectos da realidade contemporánea. Son tantos os detalles evocadores que atopamos en cada páxina con cada nova lectura, que as posibilidades que ofrece para a análise didáctica son múltiples.
Desde a propia composición das imaxes (contra picado, gran angular e perspectiva cónica) ata a propia interpretación dos protagonistas: un soldado inofensivo, mutilado pola súa propia soidade, e unha bailarina afastada do xoguete edulcorado, unha barbie que vai perdendo a súa prestancia na viaxe á que se ve arrastrada xunto ao soldadiño. Compañeiros? de infortunio máis que dous seres namorados ata a morte.
Irrelevantes xa para a sociedade consumista occidental, guindados ao lixo e ás cloacas noxentas (a outra cara da opulencia) chegan, como no conto orixinal na barriga dun peixe, ata África. Alí a miseria non se agocha, formando un gran vertedoiro de lixo, onde, paradoxalmente, o soldadiño e a bailarina son máis valorados. Rescatados por un muller que agasalla con eles ao seu fillo, que os recibe coma un gran tesouro.
O enorme sorriso do neno ante o xoguete que seu pai constrúe cos refugallos occidentais élle arrebatado por un turista occidental (insensible ante a pobreza que fotografía como algo exótico, ao igual que o xoguete) por un miserento dólar. Así, a infortunada parella remata esquecida de novo, nun museo etnográfico baleiro, de calquera cidade occidental, que a ninguén interesa.
No corredor da Biblioteca están expostas as imaxes do libro de Müller en gran formato, ademais do conto clásico de Andersen coas típicas imaxes de conto infantil que o teñen ilustrado. O obxectivo é que o profesorado as traballe co alumnado nas titoría e noutras materias, para o que tamén dispón das imaxes en formato dixital que pode proxectar nas aulas. As posibilidades son moitas: a beleza e perfección plástica, a expresividade da composición, a lectura e análise do contido das ilustracións, a comparación coa versión clásica…
- Tamén colocamos no expositor unha selección de documentos da Biblioteca (libros, banda deseñada, películas…) que poden ser útiles para profundar sobre a estupidez da guerra e da violencia en xeral.
Suxestión de actividades:
- Redactar a historia que nos contan as imaxes (en primeira ou terceira persoa).
- Darlle voz aos personaxes, creando unha banda deseñada na que os personaxes dialoguen entre si.
- Seleccionar a música apropiada para ambientar as distintas escenas da historia.
- Comparación entre a cidade occidental e o poboado africano.
- Imaxinar a relación entre o soldado e a boneca.
- Descrición das ilustracións, facendo fincapé nos detalles seleccionados polo profesorado (lixo na cidade, cambios na casa da nena, consumismo, civismo, sumidoiros cara o mar, soidade, refugallos da pesca, vertedoiro, poboado africano, neno africano, reciclaxe dos xoguetes, turismo rico en países pobres, hotel Paradiso, Museo etnolóxico, etc.).
Máis información:
http://educacionysolidaridad.blogspot.com.es/2012/02/version-ilustrada-por-jorg-muller-de-el.htmlhttp://bibliotecadeloselefantes.blogspot.com.es/2009/10/el-soldadito-de-plomo.html
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)