domingo, 30 de marzo de 2014

Guerra e crise humanitaria na República Centroafricana


Segundo os datos de ACNUR (Axencia da ONU para os refuxiados) 2,5 millóns de persoas necesitan axuda urxente na República Centroafricana. Son persoas desprazadas dentro do país polos combates, e refuxiados que chegaron aos países limítrofes: Camerún, Chad, República Democrática do Congo e a República do Congo.
Todo comezou despois dun golpe de estado que, en marzo do 2013, levou ao poder a Michael Djotodia. O país entrou nun caos total, onde os asasinatos e as violacións eran constantes e os seus autores gozaban de total impunidade. Tamén, como ocorre noutros conflitos do continente, recrutáronse nenos soldados. Djotodia dimitiu o 10 de xaneiro, e foi nomeada presidenta a alcaldesa da capital, Bangui, Catherine Samba-Panza. A limpeza étnico-relixiosa continúa, a pesar de que musulmáns e cristiáns conviviron pacificamente durante séculos.
Como consecuencia da violencia xa hai máis de 700.000 desprazados internos, case a metade deles en Bangui en asentamentos sen unhas mínimas condicións. Arredor do 60% dos desprazados son nenos e nenas. A pesar dos esforzos de ACNUR e outras ONGs é imposible facer chegar a axuda a moitos dos desprazados debido aos combates e a violencia xeral.
Amina formaba parte dun grupo de 58 persoas que chegou en busca de axuda ao centro de Bossambele (a 170 km da capital) fuxindo dos ataques contra os musulmáns da súa cidade. No centro de tránsito só a intervención de soldados franceses e dun pastor cristián impediu que foran asasinados. Tiveron que ser trasladados a unha mesquita de Bangui. Amina, desnutrida e deshidratada, agradeceu a axuda das ONGs e persoas particulares, que arriscaron a súa vida para salvar a súa. O seu futuro, sen embargo, é moi incerto.
A República Centroafricana, con só 4,6 millóns de habitantes, é un dos países máis pobres do mundo, cunha esperanza de vida de 48 anos, aínda que conta con diamantes e outras importantes riquezas naturais. A malaria é a principal causa de mortalidade. A guerra agravou aínda máis a situación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario