domingo, 16 de marzo de 2014

Os bosquimáns, o pobo máis antigo

http://www.survival.es/indigenas/bosquimanos

Os bosquimáns son o pobo vivo máis antigo da Terra (hai 100.000 anos que se separaron doutras poboacións segundo os estudos xenéticos). Hoxe viven só uns 100.000 en Botswana, Namibia, Sudáfrica e Angola. No centro de Botswana atópase a Reserva de Caza do Kalahari Central, creada para protexer o territorio tradicional de 5.000 bosquimáns e a caza da que dependen. A comezos dos anos 80 atopáronse diamantes na reserva, e o Goberno foi expulsando aos bosquimáns nos anos seguintes, e mesmo se cegou a único pozo de auga. Os expulsados viven agora en campos fóra da reserva, e prohíbeselles cazar, dependendo totalmente das escasas axudas do Goberno. Son vítimas do alcoholismo, a depresión e enfermidades como a tuberculose e a SIDA. Moitos morrerán e a súa forma de vida está a destruírse.
Os bosquimáns iniciaron unha batalla legal contra o Goberno, e os tribunais téñenlle dado a razón, permitindo que volvan a reserva, usen o pozo e abran outros novos. Porén, o Goberno, tenlle concedido unha licenza á empresa Wilderness Safaris para que abra un aloxamento turístico na reserva. O Kalahari Plains Camp abriuse sen contar cos bosquimáns. Mentres estes teñen problemas para acceder a auga, os clientes do hotel poden tomar un cóctel a carón da piscina.
Ao mesmo tempo, as autoridades seguen acosando aos bosquimáns para impedirlles cazar na súa propia terra e impide o regreso dos bosquimáns expulsados da reserva.
No ano 2002 os bosquimáns levaron a xuízo ao Goberno, pedindo que a expulsión fose declarada ilegal. O xuízo tense prolongado, tendo falecido moitos dos demandantes orixinais. No ano 2006 os bosquimáns obtiveron unha vitoria histórica, cando os xuíces declararon 'ilegal e inconstitucional' a expulsión. Pero o Goberno fai todo o posible para non cumprir a sentenza. No ano 2010 os tribunais volveron darlle a razón aos bosquimáns sobre o acceso a auga.
Pero os intentos de acabar coa presenza dos bosquimáns na reserva continuaron, e no 2013 volveron de novo aos tribunais para abolir a necesidade de permisos para entrar na reserva. Para boicotear a demanda o Goberno impediu o acceso a Botswana do avogado británico, Gordon Bennett, que os representa. Está claro que o despoxo dos bosquimáns débese a riqueza en diamantes das súas terras, onde xa se están abrindo minas que en nada benefician aos habitantes ancestrais deste territorio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario