Un día llamaron a la puerta de mi casa,
al otro lado había un negro con una bicicleta
Así comeza Sansamba, unha novela gráfica que conta unha
historia necesaria con sinceridade e tenrura. Unha amizade real, entrañable,
entre a escritora Alicia, unha burguesa progre de Barcelona, e Baala, un mozo
senegalés, que se busca a vida no Maresme.
Todo comeza cando o rapaz chegado de Senegal nas
dramáticas e vergonzosas condicións habituais, que tamén nos relata no cómic,
timbra na casa de Alicia para pedir traballo. A partir de aquí iníciase un
camiño de coñecemento e recoñecemento mutuo, no que ambos saltan por riba dos
prexuízos asumidos pola súa tradición e formación, e son quen de respectarse e
quererse, de alegrarse a vida mutuamente. Alicia atopa o estímulo que necesitaba
para superar a rutina e a decadencia física, o devalar plano cara un final que
semella próximo. Baala ten en Isabel o apoio que necesitaba para ir gañándose a
vida no entorno hostil no que vive e poder mandar diñeiro a súa familia.
Arredor destes dous personaxes xorden outros, as amigas de Isabel e a familia
de Baala, que enriquecen a historia principal, ofrecéndonos un achegamento a
realidades distintas, non necesariamente alleas ao noso entorno.
Non me gustou moito o debuxo, pero o argumento é
tan bonito que calquera crítica que se poida facer sería inxusta ante a calidade
da narración, os valores que transmite e o optimismo respecto da especie humana
que sentimos ao rematar a lectura. Encántame o ton, fuxindo de todo tipo de
maniqueísmo ou buenismo, sen ocultar os prexuízos que todos temos e a
crítica (tamén a autocrítica), ensamblando a culminación dunha amizade por
medio de pequenos detalles, da tolerancia, do cariño e da confianza. Como
calquera outra amizade verdadeira.
Claro, o punto de vista é o de Alicia, non o de
Baala, pero ese pode ser, debería ser, tamén o noso punto de vista. Aí están os
nosos prexuízos de brancos de clase media, receosos co diferente, pero capaces
de superalos, porque temos a capacidade de diferenciar o ben do mal, de non caer
na compracencia e o auto engano, de ser boas persoas e tratar aos demais como
nos gustaría que nos tratasen a nós.
Unha lectura máis que recomendable que ademais
conta cunha unidade didáctica magnífica, ideal para traballar nas aulas a
problemática da inmigración, pero tamén de como enfrontarnos ao mundo, aos
demais, desde unha postura ética. A única ferramenta sólida para vivir mellor,
con nós mesmos e cos outros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario