Madrid
acolleu este venres e sábado a 39ª Conferencia Europea de Apoio e Solidariedade co Pobo
Saharuí (EUCOCO), na que xunto ao Presidente da República Árabe
Saharaui Democrática (RASD) e secretario xeral da Fronte Polisaria, Mohamed
Abdelaziz, que inaugurou o encontro, participaron outras autoridades do
Goberno Saharaui, activistas defensores dos dereitos humanos, representantes de
organizacións políticas e sociais e delegados saharauís en numerosos países.
Tamén participan representantes de gobernos que recoñecen a RASD.
Esta
conferencia é a cita anual máis importante do movemento de solidariedade
co pobo saharauí. Durante dous días analizouse a situación política do
Sáhara Occidental, relatáronse as violacións dos dereitos humanos nos
territorios ocupados, estudouse o espolio dos recursos naturais e a situación
das mulleres e da mocidade baixo a ocupación marroquí. O encontro péchase
este domingo cunha manifestación de denuncia que percorrerá as rúas de Madrid
baixo o lema "Pola descolonización e a independencia, en defensa dos
dereitos humanos".
Na
primeira xornada da conferencia, lembrouse a necesidade de que a comunidade
internacional e, en particular, o Estado español, actúen para forzar o estado
marroquí a que respecte os dereitos humanos e acceda á celebración do referendo.
O presidente da RASD Mohamed Abdelaziz salientou que o debate aberto en España
sobre o recoñecemento do Estado Palestino "axuda ao Sahara" e lembrou
a "responsabilidade" de España como antiga potencia colonizadora no
territorio.
Manifestación en Madrid, 14 de novembro do 2014 |
A
activista denunciou tamén as condicións "deplorables" en que se
atopan os presos políticos saharauís: "Temos case 80 presos de
conciencia, entre eles temos a 22 presos condenados polo alto tribunal militar.
Son condenas duras de entre 20 anos de cárcere e condena perpetua. Marrocos non
os recoñece como presos de conciencia, senón presos de dereito común".
Aminetu Haidar dixo tamén que teñen moito medo de que os mozos saharauís nas
zonas ocupadas pensen en usar a violencia para reivindicar os dereitos
lexítimos: "Son novos oprimidos e desesperados que buscan atraer a
atención da comunidade internacional", afirmou.
Algúns
destes presos iniciaron folgas de fame. "Marrocos dixo que ía a
anular os xuízos militares, pero até o momento non vimos nada. Por iso
empezaron unha folga de fame o día 8 de novembro de 48 horas e farán outra o
día 26 para lanzar unha mensaxe aos participantes do Foro internacional de
dereitos humanos que terá lugar en Marrakech", dixo, un foro no que a
asociación que preside Aminetu, CODESA, foi excluída.
En
canto ao papel que xogan as institucións internacionais, Haidar dixo que
"a MINURSO é unha testemuña cega, con ollos vendados. Non pode facer
supervisión de dereitos humanos porque non teñen competencia para facelo, non
ten ese mandato. Queremos a ampliación da competencia da MINURSO ou a
implantación doutro mecanismo da ONU", concluíu.
Participación
galega
Varios
deputados e deputadas galegas participaron na conferencia. Carmen Gallego
foi a representante do PSdeG-PSOE e participou nun grupo de traballo sobre
Política e Información. Por AGE asistiu Xabier Ron,
tamén membro do intergrupo do Parlamento de Galicia, Paz co Sáhara,
sinalando o obxectivo de acadar unha postura europea forte en defensa da
petición de referendo de autoderminación do pobo saharaui e tamén para lograr
que se amplíe o mandato da Minurso para evitar a vulneración dos dereitos
humanos nas zonas ocupadas no Sáhara occidental.
Polo
BNG interveu Montse Prado, tamén integrante o integrupo. A través del,
o BNG ten reclamado a inmediata liberación dos presos políticos por parte do
goberno marroquí, o fin do espolio dos recursos naturais no Sáhara Occidental,
o desmantelamento do “muro da vergoña” e o respecto do alto o fogo. O BNG
defende que a descolonización do Sáhara é un problema enquistado, no que o
Estado español ten unha parte importante de responsabilidade, e que para
resolverse precisa de esforzos políticos, pero tamén de atención humanitaria e
de vixilancia e denuncia dos organismos internacionais perante a conculcación
dos dereitos humanos que padecen os saharauis.
Ningún comentario:
Publicar un comentario