Álex
Méndez Pontevedra / La Voz- 10 de outubro de 2014

O proceso para que Mohamed
puidese asentarse na vila pontevedresa non foi sinxelo, xa que a súa familia
tivo que loitar para conseguirlle un visado de estudante que finalmente logrou
con pasaporte alxerino, dado que o Sahara non ten capacidade para emitilo. E
superado este escollo, hoxe cumpre con todos os requisitos legais en España, ao
contar con cartón de residencia.
Apaixonado polo fútbol, desde
que vive aquí milita no Atlético Cuntis, co que xogou o ano pasado. Con todo,
agora, tras facer a pretemporada co resto dos seus compañeiros, a semana pasada
recibiu a confirmación de que non podería disputar a primeira xornada, despois
de que a federación rexeitase tramitarlle a ficha por non cumprir os requisitos
esixidos pola FIFA. O problema é que, segundo esta, non é válida a firma dun
titor legal como é a súa nai de acollida, a pesar de que esta si é válida para
o resto de trámites da súa vida diaria.
O coordinador do Atlético
Cuntis, Iván Castro, explicaba onte ao redor deste caso particular que estaban
a contar co apoio da Federación Galega de Fútbol, aínda que sen que esta lle
ofrecera ata o momento ningunha solución definitiva.
Respecto desta cuestión, o
delegado federativo en Pontevedra, Jaime Otero, recoñece que, dado o especial
status do Sahara, o problema é que «se non tivo ficha nun equipo do seu país
antes dos 12 anos, non poderá xogar nunca ao fútbol fóra del segundo esta
norma». Precisamente, a situación que se dá no caso de Moha, que ata a súa
chegada a España nunca pertencera a ningún club.
Ante isto, a súa nai de
acollida, Teresa Núñez, critica a incongruencia do marco legal. «Xogar nun
equipo para el é o máis», explica. En cambio, ao non ter ficha, probablemente
terá que deixar tamén de adestrar cos seus compañeiros, ao non estar asegurado.
Un problema que, para Teresa, vai incluso máis aló do puramente deportivo, xa
que «é un neno que morre por xogar, e o fútbol era unha maneira de integrarse
porque é moi tímido», lamenta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario