Amosando publicacións coa etiqueta actividades. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta actividades. Amosar todas as publicacións

domingo, 24 de maio de 2015

ESPAÑA- MARROCOS: gráficas, tábos de datos e cuestionario

O alumnado de 3º de PDC do IES Antón Losada, na clase de Ámbito Científico (en colaboración co Departamento de CC SS) traballou cos datos socioeconómicos de España e Marrocos, elaborando unha presentación coas gráficas onde se plasman as profundas diferenzas entres ambos países.
Noutro documento presentamos nunha táboa eses mesmos datos, ampliados, e un cuestionario para analizar e reflexionar sobre estas cifras, centrándonos sobre todo na súa repercusión no benestar das persoas.


luns, 13 de outubro de 2014

XII Edición do Festival de Cine Euroárabe Amal




O Festival Internacional de Cine Euroárabe Amal cumpre a súa XII edición en Santiago de Compostela. Proxectaranse nove películas de éxito internacional relacionadas co mundo árabe e tamén se organizarán distintas actividades paralelas.

A primeira proxección deste edición (luns 13, 22h.) será Returns to Homs, coprodución siria-alemá dirixida por Talal Derki. Trátase dun documental bélico que narra a guerra de Siria en oitenta minutos. A peza obtivo o Gran Premio do Xurado no Festival de Sundance e máis recentemente o de mellor película nunha nova edición do DocsBarcelona.


Se queredes ler máis sobre o festival podedes visitar a súa páxina web onde aparece publicada a programación por días do Festival



martes, 23 de setembro de 2014

Historias de ida e volta (IES Ribeira do Louro, 2011-12)



No curso 2011-2012, os compañeiros e compañeiras do IES Ribeira do Louro (Porriño) participaron nunha interesante actividade que tiña como fin crear unha historia entre todas e todos. Cada alumno escribía un pequeno fragmento que o seguinte continuaba. O punto de partida eran unhas liñas de Mañana será otro día, de Faïza Guène (1985), unha xove novelista francesa, cuxos pais son de orixe arxelino.
Como únicas pautas tiñan que tratar o tema da emigración e os conflitos ocasionados polas diferenzas culturais entre países. Aquí tedes o resultado.
Por certo, se non coñecíades a novela de Faïza Guène, anímovos a que vos deixedes levar polo mundo de Doria, protagonista da novela, para coñecer máis de preto unha problemática social que se vive actualmente en moitas cidades europeas.




luns, 3 de febreiro de 2014

O soldadiño de chumbo de Jörg Müller, ilustrado para a paz

wloge_producto_principal_0274full-TTA6AnnPgmvjegnGCon certo atraso sobre as datas sinaladas, na nosa biblioteca decidimos conmemorar o Día da Ilustración e o Día da Paz e da non Violencia, coa versión ilustrada do conto clásico de Andersen: El soldadito de plomo, realizada polo debuxante suízo Jörg Müller, e publicado en España pola editorial Lóguez.
O libro de Müller recolle en 38 ilustracións (a metade a toda páxina) sen máis texto cos rótulos das propias imaxes unha historia que suxire outras moitas, e que nos invitan a reflexionar sobre diferentes aspectos da realidade contemporánea. Son tantos os detalles evocadores que atopamos en cada páxina con cada nova lectura, que as posibilidades que ofrece para a análise didáctica son múltiples.
Desde a propia composición das imaxes (contra picado, gran angular e perspectiva cónica) ata a propia interpretación dos protagonistas: un soldado inofensivo, mutilado pola súa propia soidade, e unha bailarina afastada do xoguete edulcorado, unha barbie que vai perdendo a súa prestancia na viaxe á que se ve arrastrada xunto ao soldadiño. Compañeiros? de infortunio máis que dous seres namorados ata a morte.
Irrelevantes xa para a sociedade consumista occidental, guindados ao lixo e ás cloacas noxentas (a outra cara da opulencia) chegan, como no conto orixinal na barriga dun peixe, ata África. Alí a miseria non se agocha, formando un gran vertedoiro de lixo, onde, paradoxalmente, o soldadiño e a bailarina son máis valorados. Rescatados por un muller que agasalla con eles ao seu fillo, que os recibe coma un gran tesouro.
O enorme sorriso do neno ante o xoguete que seu pai constrúe cos refugallos occidentais élle arrebatado por un turista occidental (insensible ante a pobreza que fotografía como algo exótico, ao igual que o xoguete) por un miserento dólar. Así, a infortunada parella remata esquecida de novo, nun museo etnográfico baleiro, de calquera cidade occidental, que a ninguén interesa.

image(1)No corredor da Biblioteca están expostas as imaxes do libro de Müller en gran formato, ademais do conto clásico de Andersen coas típicas imaxes de conto infantil que o teñen ilustrado. O obxectivo é que o profesorado as traballe co alumnado nas titoría e noutras materias, para o que tamén dispón das imaxes en formato dixital que pode proxectar nas aulas. As posibilidades son moitas: a beleza e perfección plástica, a expresividade da composición, a lectura e análise do contido das ilustracións, a comparación coa versión clásica…
-          Tamén colocamos no expositor unha selección de documentos da Biblioteca (libros, banda deseñada, películas…) que poden ser útiles para profundar sobre a estupidez da guerra e da violencia en xeral.
Suxestión de actividades:
-          Redactar a historia que nos contan as imaxes (en primeira ou terceira persoa).
-          Darlle voz aos personaxes, creando unha banda deseñada na que os personaxes dialoguen entre si.
-          Seleccionar a música apropiada para ambientar as distintas escenas da historia.
-          Comparación entre a cidade occidental e o poboado africano.
-          Imaxinar a relación entre o soldado e a boneca.
-          Descrición das ilustracións, facendo fincapé nos detalles seleccionados polo profesorado (lixo na cidade, cambios na casa da nena, consumismo, civismo, sumidoiros cara o mar, soidade, refugallos da pesca, vertedoiro, poboado africano, neno africano, reciclaxe dos xoguetes, turismo rico en países pobres, hotel Paradiso, Museo etnolóxico, etc.).
Máis información:
http://educacionysolidaridad.blogspot.com.es/2012/02/version-ilustrada-por-jorg-muller-de-el.html
http://bibliotecadeloselefantes.blogspot.com.es/2009/10/el-soldadito-de-plomo.html

venres, 22 de novembro de 2013

África é...

Unha das actividades que se propuxeron para celebrar o Día da Biblioteca foi elaborar un mural co título 'África é...'. Os participantes na actividade deberon escribrir o que para eles e elas significaba o continente africano sobre un mapa, e despois colocalo no corredor da Biblioteca.
Houbo unha participación importante, aínda que as definicións non foron moi elaboradas, agás no caso de Sara Neira, alumna de 3º da ESO que nos agasallou cunha definición completa, optimista, colorista, afastada dos prexuízos. Grazas, e parabéns polos teus coñecemento e a capacidade para expresalos:

África é a orixe da humanidade. Un lugar de culturas antigas, Exipto, os reinados beduinos...
Un lugar cheo de xente sorprendente e de culturas e linguas tan diferentes que resulta imposible describilo nun folio.
Unha fauna e ecosistemas tan diversos dende o deserto do Sahara ata a tropical Cidade do Cabo.
Un continente cheo de selvas e sabanas repletas de animais sorprendentes, desde o poderoso león, ata o fermoso agaparni.
Unha terra chea de tesouros paisaxísticos, desde o río Nilo ata as montañas keniatas.

Para soñar
Para disfrutar
Para rir
Para descubrir
Para imaxinar
Para aprender
Para...
ADMIRAR