luns, 20 de xaneiro de 2014

África nos mapas


A Biblioteca en colaboración co Departamento de CC SS, Xeografía e Historia, seleccionou 11 mapas de África, cos que se elaborou unha exposición exposta na entrada do Instituto. Comezando polos mapas de Ptolomeo e de Munster, e continuando polos mapas físicos (relevo, clima), densidade de poboación, grupos etnolingüísticos, comparación de superficies con outro territorios do mundo, ata os mapas políticos (colonización, independencias, actualidade), os espectadores poden facer un percorrido polo espazo xeográfico do continente. Un achegamento a súa realidade histórica e política que permite coñecer mellor un mundo tan próximo e á vez, tan esquecido.

O sabio grego Ptolomeo publicou no s. II Geographia, que descrebe o mundo da época. Serviu de base aos cartógrafos durante moitos séculos, aínda que contiña moitos erros nas distancias. Cría que a Terra estaba inmóbil e era o centro do Universo. O libro incluía 27 mapas do mundo coñecido na época pero nunca se atoparon. Pero, baseándose nas descricións incluídas no libro, os cartógrafos do Renacemento reconstruíron a súa visión do mundo. É o caso do mapa que reproducimos na exposición, do alemán Martín Waldseemüller. É un dos dous hemisferios, xunto ao retrato de Ptolomeo, en que dividiu o mundo na súa obra ‘Universalis cosmographia’ (1507). O outro hemisferio incluía por vez primeira América.

O mapa de Munster (1540) considérase o primeiro mapa de toda África. Realizado para o seu libro ‘Geographia’, ten como fontes o mapa de Ptolomeo (o Nilo comeza en dous lagos inexistentes) e mapas árabes e portugueses anteriores. No mapa destaca o debuxo dun ciclope entre Nixeria e Camerún (a lendaria tribo do Monoculi) e a presenza dun bosque no actual deserto do Sahara, amosando tamén un elefante ao sur, e varios reinos africanos incluíndo Hamarich, capital do mítico reino cristián do Preste Xan. Aparecen poucas cidades litorais, e tampouco se inclúe Madagascar. No mar unha carabela, similar as usadas polos portugueses e Colón. O río Níxer nace e desemboca en lagos moito máis ao norte do seu curso real, e o río Senegal desemboca no actual Senegal e no Golfo de Guinea, onde o fai o río Níxer. No recadro da esquerda describe un breve itinerario marítimo desde Lufitania (Portugal) ata Calechut (Calcuta, na India).

Ningún comentario:

Publicar un comentario