Segundo os datos de
ACNUR (Axencia da ONU para os refuxiados) 2,5 millóns de persoas necesitan
axuda urxente na República Centroafricana. Son persoas desprazadas dentro do
país polos combates, e refuxiados que chegaron aos países limítrofes: Camerún,
Chad, República Democrática do Congo e a República do Congo.
Todo comezou despois
dun golpe de estado que, en marzo do 2013, levou ao poder a Michael Djotodia. O
país entrou nun caos total, onde os asasinatos e as violacións eran constantes
e os seus autores gozaban de total impunidade. Tamén, como ocorre noutros
conflitos do continente, recrutáronse nenos soldados. Djotodia dimitiu o 10 de
xaneiro, e foi nomeada presidenta a alcaldesa da capital, Bangui, Catherine
Samba-Panza. A limpeza étnico-relixiosa continúa, a pesar de que musulmáns e
cristiáns conviviron pacificamente durante séculos.
Como consecuencia da
violencia xa hai máis de 700.000 desprazados internos, case a metade deles en
Bangui en asentamentos sen unhas mínimas condicións. Arredor do 60% dos desprazados
son nenos e nenas. A pesar dos esforzos de ACNUR e outras ONGs é imposible
facer chegar a axuda a moitos dos desprazados debido aos combates e a violencia
xeral.
Amina formaba parte
dun grupo de 58 persoas que chegou en busca de axuda ao centro de Bossambele (a
170 km da capital) fuxindo dos ataques contra os musulmáns da súa cidade. No
centro de tránsito só a intervención de soldados franceses e dun pastor
cristián impediu que foran asasinados. Tiveron que ser trasladados a unha
mesquita de Bangui. Amina, desnutrida e deshidratada, agradeceu a axuda das
ONGs e persoas particulares, que arriscaron a súa vida para salvar a súa. O seu
futuro, sen embargo, é moi incerto.
A
República Centroafricana, con só 4,6 millóns de habitantes, é un dos países
máis pobres do mundo, cunha esperanza de vida de 48 anos, aínda que conta con diamantes e outras importantes riquezas naturais. A malaria é a
principal causa de mortalidade. A guerra agravou aínda máis a situación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario