martes, 13 de xaneiro de 2015

Najat e Hiba xa están na Estrada para «esquecer e empezar de novo»

Nai e filla chegaron onte ás 8.00 horas ao aeroporto de Santiago
Fran Brea A Estrada / La Voz  13 de xaneiro de 2015

O sufrimento de Najat Dyani, muller marroquí que leva dez anos residindo na Estrada e que desde setembro loitaba por recuperar á súa filla, finalizou onte cando aproximadamente ás 8.00 horas aterraba no aeroporto de Santiago de Compostela coa súa filla Hiba.
Najat declarou onte sentirse «moi contenta, nunca na vida estíveno tanto» por poder descansar coa súa filla no seu domicilio despois de que no mes de setembro denunciase que o seu marido, sobre o cal versaba unha orde de afastamento sobre a muller e a nena, subtraese a Hiba cando esta estaba de vacacións en casa da súa avoa materna en Rabat. A pesar do cansazo acumulado Najat non podía esconder a súa inmensa alegría cando recordaba como o pasado xoves volvía ver á súa filla en Marrocos, «estou esgotada pero os fillos son os fillos e sempre se loita por eles. Foi unha época moi difícil, pasei momentos moi duros, pero todo se esqueceu cando volvín vela e comprobei que estaba ben» manifestou. Agora que xa están de volta na Estrada Dyani di que o que queren é «esquecer e empezar de novo coa nosa vida aquí, empezar de cero, por fin estamos xuntas.». Neste sentido para Hiba ten moita importancia o colexio, e de feito a pequena xa onte quería acudir a clase para ver ás súas amigas e amigos, «Hiba xa quería asistir ao colexio, pero xa lle dixen que primeiro había que descansar, pero mañá -referíndose a hoxe- si que acudirá a clase» aseguraba a súa nai. Como a finais da pasada semana adiantase o avogado Manuel Varela, quen representou a Najat durante o proceso, cando se coñeceu a noticia de que se produciría a entrega da menor á súa nai un dos primeiros obxectivos é que Hiba sexa recoñecida por profesionais, «de saúde véxoa ben, está máis tranquila ao estar coa súa nai porque se sente protexida, pero quero que a vexan os médicos para asegurarnos de que todo está ben e que a experiencia vivida non lle deixará secuelas traumáticas» indicou Najat.
Agradecida polo apoio
Na tarde de onte tamén se producía outro instantánea moi esperada. Najat e Hiba atopáronse con Manuel Varela para que este puidese coñecer á pequena pola que tanto traballou durante estes últimos meses. Dyani non dubidou en agradecer a Varela todo o que fixo para que este momento fose unha realidade, do mesmo xeito que a toda a xente que a apoiou que fixeron que «nunca me sentise soa».
Un camiño difícil que se comezou a solucionar co acordo logrado en Marrocos
O proceso para que Hiba regresase ao seu domicilio da Estrada non foi fácil, e polo camiño tivéronse que realizar moitas xestións, nas que participaron figuras políticas de organismos estatais, para conseguir un final feliz para Najat. O punto crave para logralo foi a viaxe que Manuel Varela realizou a Marrocos a principios do mes de decembro para negociar un acordo de devolución. Alí puido establecer conversacións co avogado do pai de Hiba, apoiado polas autoridades españolas no país, e tras varios días de negociacións puido regresar a España cun acordo firme para que a entrega da menor realizásese.

Desde que se anunciou a consecución dese acordo ata que Najat puido ver á súa filla pasou aproximadamente un mes, no que se estableceron varias datas que por diversos motivos se foron pospondo, «foron momentos complicados, porque primeiro me dixeron que vería á miña filla o 24 de decembro, logo o 31 e finalmente o 8 de xaneiro. Era difícil estar no mesmo país que Hiba e non poder vela» manifestou Najat, quen engadiu que «houbo que facer moito papelorio, falar coa policía e acudir a xulgados, agora por fin o sufrimento acabou e podo gozar da miña filla». E afirmou ter «ganas de volver traballar e esquecer o ocorrido. Son problemas que che pon a vida dos que tes que aprender e loitar para solucionalos».

Ningún comentario:

Publicar un comentario