luns, 6 de abril de 2015

Carmen Vidal: «A idea distorsionada que temos de Marrocos é por falta de desexo de coñecer»

Di que os marroquís teñen un sentido de humor moi semellante ao español
tamara monteroREDACCIÓN / LA VOZ, 06 de abril de 2015

Carmen Vidal (Baio, 1985) xornalista, namorouse de Tánxer e decidiu escollelo como «o lugar no que quería vivir parte da miña vida». Esa estancia inicial alongouse «polo amor a unha persoa» ata o punto de que vén de abrir unha tenda online, Duna Hania, que ten obxectos de Marrocos, Namibia, México e, en breve, a India, pero tamén fotografías e pequenos textos dos lugares onde foron comprados, para crear unha auténtica experiencia viaxeira.
-¿Tánxer foi un «shock»?
-Hai cousas que chocan, dende a vestimenta ata certas normas sociais, pero tamén hai moitas outras que achegan aos dous lados do Estreito, dende o sentido do humor ata a importancia da familia ou o gusto pola vida nas rúas. Tánxer, pola súa traxectoria de cidade internacional e pola gran presenza española, é un caso singular en moitos aspectos en Marrocos.
-¿Temos unha idea distorsionada dos países musulmáns, que ás veces se asocian con machismo, integrismo relixioso e incluso terrorismo?
-Todos eses aspectos existen, pero hai moitos outros positivos que non aparecen na cobertura dos medios, como a amabilidade da xente, a importancia da familia ou o respecto polos maiores. A idea que temos sobre Marrocos, ademais de distorsionada, parte dun profundo descoñecemento ou, o que é peor, dunha falta de desexo por coñecer.
-Vive nunha «zona quente» polos movementos migratorios.
-O trasfego de inmigrantes notase en Tánxer sobre todo pola presenza de subsaharianos, que levan unha existencia case sempre moi dura, afastados da súas familias e afrontando o rexeitamento e o racismo de parte da poboación. Hai mesmo un barrio, Boukhalef onde recentemente houbo disturbios entre a poboación local e os subsaharianos. Pero é fundamentalmente en Ceuta, a una hora de Tánxer, onde o fenómeno adquire dimensións máis esaxeradas.
-Conviven alí moitas culturas e tamén as tres grandes relixións monoteístas.
-O certo é que a poboación xudía tanxerina, que no seu tempo foi bastante numerosa e influínte, reduciuse a cifras case anecdóticas. Pero é verdade que na cidade aínda se respira un aire internacional marcado, pois e o fogar non soamente de moitos europeos ou estadounidenses, senón tamén destino de inmigrantes e estudantes subsaharianos. Ten unha maxia especial que, como me sucedeu a min, provoca o desexo de vivir nela.
-¿É doado integrarse?
-Aínda que haxa barreiras culturais ineludibles, os marroquís son xente afable, cun sentido do humor e un xeito de ver a vida que ten moito que ver co dos españois. Iso non quita que sempre acabes tendo, por cuestións idiomáticas ou incluso por xeitos de ocio, moitos amigos españois, pero no meu grupo habitual tamén se inclúen marroquís. Os tanxerinos, nese sentido, están moi acostumados a tratar con xente de todo o mundo e creo que en xeral encántalles compartir experiencias con eles.


Ningún comentario:

Publicar un comentario